A actividade enmarcada en ‘Atención social, asesoramento e intervención II’, centrada na experiencia persoal da persoa paciente, é financiada a través das axudas vinculadas ao 0,7% da declaración da renda convocadas pola Xunta de Galica e xestionadas pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI)
No mes de xaneiro, a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais (ALCER) de Ourense recibiu, a través da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), a subvención convocada pola Xunta de Galicia ligada á ‘X solidaria’ da declaración da renda. Ditos fondos permiten a continuación anual do programa “Atención social, asesoramento e intervención II”.
O servizo é realizado por unha das traballadoras sociais do equipo técnico da entidade. Neste, ofrécese información e asesoramento individualizado a familiares e a persoas con enfermidade renal crónica (ERC), tanto nos estadios iniciais da patoloxía coma nos máis avanzados, xa con tratamento renal substitutivo. Neste 2026, foron atendidas de formas presencial e telemática 20 persoas na provincia de Ourense. Nos seguintes meses do ano, agárdase que a demanda aumente ata contar con 40 persoas usuarias.

Dentro do Terceiro Sector, o aporte económico do cadro 106 dirixido a fins sociais do IRPF supón un apoio fundamental para entidades, formacións e iniciativas adicadas ao benestar de diferentes colectivos da sociedade. Sen supoñer un custo adicional para as persoas contribuíntes, estas pasan a xogar un rol activo na estabilización e continuación de servizos esenciais no ámbito social.

A enfermidade renal crónica (ERC) é o estado de diminución significativa e progresiva da función dos riles. Na última década, a incidencia desta patoloxía aumentou case nun 30%. En paralelo, un informe do 2025 publicado polo Instituto Nacional de Estatística estimou que a disfunción renal será a terceira causa de morte no 2040 en España. A convivencia coa enfermidade, logo do diagnóstico, conleva cambios vitais para os que pode resultar indispensable o acompañamento e o asesoramento profesionais.